Valoración Programación Cultural San Telmo 2021 por Eduardo Freiría.



Co transcorrer do tempo durante esta pandemia vanse recuperando actividades que estaban restrinxidas ou alo menos adaptándoas á situación na que vivimos. É o caso da programación cultural de San Telmo que tratou de encher o baleiro dunhas festas de San Telmo por imposibilidade de celebración.

De partida, foi unha moi boa iniciativa por parte do Concello levar a cabo unha programación cultural durante estas datas e deste xeito non deixar orfa a nosa cidade de eventos que conmemorasen a celebración do noso patrón San Telmo. Non obstante, e a pesares da calidade da programación, os eventos quedaron totalmente descontextualizados, pois leváronse a cabo dun xeito que tanto se poderían programar nestas datas coma no verán, ou en calquera outra localidade sen máis particular que realizalos, pero sen ningún vínculo concreto; é dicir, este Goberno realizou unha programación cultural aséptica, sen un nexo directo coa celebración que corresponde, e todo iso despois de escoitar o discurso pronunciado pola Sra. Concelleira de Cultura na Gala de entrega dos premios “Cidade de Tui”, no que di apostar pola tradición . Evidentemente este foi un discurso que en nada ten que ver co espírito destas actividades realizadas, amosando polo tanto unha enorme incoherencia.

Neste arenga a Sra. Concelleira se enorgullecía do legado e tradicións que co tempo ergueron a nosa cidade e a fixeron singular, non obstante, na praxe deulle as costas a esas tradicións tan singulares e que podían e debían ser incluídas na programación cultural de San Telmo 2021, pois non eran incompatibles coas normas sanitarias ou poderíanse adaptar, e deste xeito servirían para contextualizar e outorgar un sentido a programación cultural. Pola contra, decidiuse esquecer ese o noso acervo patrimonial e descartar unha apertura das celebracións a través dun pregón que enxalzase a un cidadán e a cidade mesma, decidiuse manter no esquecemento os tradicionais pasarrúas cos Xigantes e Cabezudos a pesares de que se celebraron pasarrúas con empresas privadas. Decidiuse omitir o desfile do traxe tradicional tudense ou obviar a Semana do Teatro Amador a pesares de que se realizaron actividades no Teatro Municipal. Xa non falemos dun mínimo engalanamento da cidade, da música ambiental, da celebración do Festival do Meixón baixo o novo formato e recuperado por C21, ou da tamén tradicional tirada de fogos de lucería como acto simbólico.

Reiteramos que todas estas actividades son perfectamente compatibles ou adaptables ás normas sanitarias vixentes.

Concluíron estes actos cun novo evento, a entrega de premios “Cidade de Tui”, que nós valoramos favorablemente e que pola nosa parte queremos felicitar aos premiados e familiares polo seu recoñecemento ao labor desenvolvido. Acto para o que a concelleira desexaba un afianzamento no tempo, unha pena que non considerase tamén ese desexo para eventos de novo cuño coma o creado por C21 en 2019, o Concerto de Cidade “As badaladas de San Telmo”, actividade que precisamente aglutinaba os aspectos de patrimonio, tradición, singularidade, a máis de participación social e divulgación, posto que consideramos que na cultura o cidadán ten que ter un papel activo e que o coñecemento é fonte de progreso. Aspectos que tal vez descoñeza a Sra. Concelleira de Cultura dada a súa manifesta falta de sensibilidade nestas actividades. 
 
Eduardo Freiría

Publicacións populares deste blog

PSOE e BNG impoñen o Imposto de Plusvalía. Palacín: "Comeza unha era de depredación fiscal contra os tudenses""

Converxencia 21 pide que se estude a posible retirada dunha xardineira en San Bartolomé.